Patrocinado por

«Hai enormes posibilidades para o turismo familiar na Ribeira Sacra»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Carmen Delia Díaz na fervenza de Augacaída, un dos atractivos turísticos do municipio de Pantón
Carmen Delia Díaz na fervenza de Augacaída, un dos atractivos turísticos do municipio de Pantón

Con raíces familiares en Pantón, Carmen Delia Díaz divulga desde o 2012 propostas turísticas dirixidas a familias con nenos no seu blog «Escapalandia»

18 oct 2021 . Actualizado a las 19:34 h.

En febreiro do 2022 cumpriranse dez anos da creación do blog «Escapalandia», dedicado ao turismo familiar. A súa responsable, Carmen Delia Díaz, ten raíces familiares na parroquia de Marce -no municipio de Pantón- e cursa actualmente un ciclo de turismo no instituto monfortino Río Cabe.

-Como iniciou esta experiencia, que xa ten case unha década de traxectoria?

-Decidín crear este blog cando os meus fillos tiñan 2 e 4 anos de idade. Vivíamos na Coruña e eu quería levar os rapaces a ver sitios fóra da cidade, pero non encontraba moita información específica para familias con nenos. Así que fun contando o que facíamos nas fins de semana, percorrendo rutas de sendeirismo e visitando parques infantís, museos e outros lugares, e fun ofrecendo informacións que puidesen ser útiles para outras familias. Desde entón non parei. A medida que os meus fillos foron medrando, fun publicando informacións máis especializadas sobre propostas para familias nenos de diferentes idades, porque as necesidades non son iguais cando os fillos teñen 2, 3 ou 4 anos que cando teñen, 8, 10 ou 12.

-Que lugar ocupan a Ribeira Sacra e a serra do Courel na súa actividade como divulgadora?

-No blog falo de moitos lugares de Galicia, de España e doutros países. Tamén publiquei informacións sobre esta zona, pero polo que respecta a Galicia, ata agora dediqueime máis á provincia da Coruña, porque é alí onde desenvolvo o meu traballo en comunicación empresarial. Pero agora teño o meu domicilio familiar en Monforte e estoume dedicando cada vez máis a este territorio. Estou moi contenta con todo o que sucede aquí no terreo do turismo. Están xurdindo moitas iniciativas, aparecen novas empresas, acaba de declararse a reserva da biosfera e hai que esperar que acabemos por conseguir o recoñecemento como patrimonio da humanidade.

-Que posibilidades lle ve a estes territorios no terreo do turismo familiar?

-Eu creo que a Ribeira Sacra ten enormes posibilidades neste campo e tamén a serra do Courel. De feito, a percepción que teño é que unha parte importante dos visitantes que veñen a a estes territorios son precisamente grupos familiares. Penso que hai que seguir avanzando nesta dirección e traballar para que haxa unha oferta cada vez máis ampla e máis adaptada a este tipo de turismo.

«O principal problema está na orografía, que fai que algunhas rutas sexan complicadas»

En opinión de Carmen Delia Díaz, un dos maiores obstáculos para o turismo familiar na Ribeira Sacra e na serra do Courel está na orografía do territorio.

—Cales son os principais problemas que ve neste sentido?

—Ao meu parecer, o obstáculo máis importante é que o terreo é moi accidentado e polo tanto hai rutas de sendeirismo que son bastante complicadas para andar con nenos, xa non digamos cando os nenos son moi pequenos. A orografía é un dos grandes atractivos destas terras e as dificultades de acceso axudaron a que se conservasen mellor os seus valores, pero por outro lado ten os seus inconvenientes.

—Como cre que se pode paliar este problema?

—Por un lado, hai que ofrecer unha información moi detallada das rutas e os outros recursos turísticos para que as familias saiban exactamente o que se pode facer con nenos de distintas idades e para que se orienten coa maior facilidade posible. Nas rutas de sendeirismo, creo que se poden seleccionar algúns tramos máis accesibles, curtos e fáciles de percorrer, sinalizalos con coidado e insistir moito nas recomendacións básicas, como levar calzado adecuado, auga, algo de comer... As recomendacións que se fagan aos visitantes tamén teñen que ter en conta que hai nenos que están máis habituados a camiñar que outros.

«O importante é que os visitantes saiban ben o que pode ofrecer cada sitio antes de ir»

A autora do blog «Escapalandia» considera que a Ribeira Sacra xa ofrece uns importantes atractivos para os grupos familiares. «As casas rurais están en xeral ben adaptadas para acoller nenos e hai moitas ofertas de actividades, aínda que sempre se pode mellorar», comenta,

-Que actividades recomendaría para grupos familiares?

-Hai moitas cousas que se poden facer e non podo ser exhaustiva, pero por poñer algún exemplo, parécenme moi interesantes os xogos do programa «Búskalo en la Ribeira Sacra», que ofrece o consorcio de turismo. É unha actividade moi divertida e creo que habería que traballar máis en ofertas dese tipo. Hai moitos espazos naturais accesibles e hai percorridos a pé que poden ser aptos para nenos de certa idade -como a ruta das pasarelas do río Mao, en Parada de Sil-, aínda que non o sexan se son aínda moi pequenos.

-Os museos poden ser atractivos para os nenos?

-Poden selo se os seus contidos son moi visuais, sinxelos e fáciles de comprender. Nese sentido, eu recomendaría lugares como o museo de xeoloxía de Quiroga, porque as explicacións que ofrecen son moi accesibles para todos e aos nenos chámanlles moito a atención cousas como o gran esqueleto do oso das cavernas. Tamén son interesantes o museo do ferrocarril e o pequeno museo de casas de bonecas de Monforte, ou o ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao. Outros lugares como o pazo de Tor ou o mosteiro de San Pedro de Rocas tamén poden resultar atractivos, ou os obradoiros de olería de Sober e Niñodaguia. O importante é que os visitantes saiban ben o que pode ofrecer cada sitio antes de ir.