A sede central de Afundación abre este mércores ao público «A Coruña cidade», unha mostra da persoal visión xeométrica que o pintor melidao ofrece do lugar onde traballa e vive
13 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O amador da arte pouco advertido poderá entrar este mércores na sede central de Afundación, no Cantón Grande, número 8, con escusada precipitación e, alí mesmo, no flanco esquerdo do vestíbulo, ou nun descenso audaz cara ao primeiro soto, enganado pola aparencia, confundir o diabolicamente esquemático co glacial na obra que o pintor melidao Vítor Mejuto (Barcelona, 1969) alí amosa na exposición «A Coruña cidade». Non se deixe levar o afeccionado polo moito que impón o tecnolóxico edificio deseño do británico Nicholas Grimshaw —alcumado a ola de cristal—, cómpre afianzar os pés e mirar calmo, que o mar de fondo deseguido cesa e as augas toldadas dan paso á nidia claridade. A verdadeira esencia aflora na pesca do que porfía e é aí onde o lenzo nesa ritual destilación ofrece confiado a súa poesía.
Porque Mejuto faino sinxelo e extrae —mesmo do que semella puramente cerebral na arquitectura— a emoción dos trazos matemáticos. Nese sentido, percíbese no artista como goberna unha parte da súa percepción o seu outro oficio, o de xornalista e fotógrafo (é xefe de edición gráfica en La Voz de Galicia). O proxecto que aquí desenvolveu, da man do comisariado do arquitecto, profesor e investigador vigués Fernando Agrasar, amosa a persoal visión xeométrica que o artista ofrece do lugar onde traballa e vive. «Non hai trucos. Só é cousa de andar a rúa, coa cabeza esperta, tanto no decurso do cotiá coma na obriga laboral, como fai calquera outro». É daquela cando a cidade fala, non sempre a berros, cos seu propios sinais. E é daquela cando o ollo avisado do artista, do veciño espelido, se ve seducido, se deixa seducir.
Unha greca, unha varanda, unha fiestra, un balcón, un mainel, unha baixante, un tellado, unha porta, un chamador, un piar, unha fachada, un lintel, unha pérgola, unha peza de mobiliario urbano, unha escaleira, un compoñente que se repite..., calquera repenico que pola súa forma, pola súa disposición no espazo ou pola cor que desprega, acumula suficiente potencia gráfica para poder ser retratado, reinterpretado, polos pinceis do artista. Malia que en ocasións non se comprenda moi ben de onde vén a chamada: «Ás veces, diante dun edificio, non sabes se o que che gusta é o labor dun arquitecto brillante ou comprometido coa modernidade, o desvelo dun construtor coidadoso ou o esforzo dun propietario aflito por un orzamento que excedeu as previsións iniciais», explica Mejuto, para incidir: «As formas conviven contigo como facendo parte dunha epiderme da que non es consciente. Só cando comezas a te decatares dela, podes ser partícipe de toda a súa riqueza. E ocorre non só en aqueles edificios que teñen un valor histórico ou patrimonial recoñecido, tamén ante pequenos sucesos da arquitectura máis humilde e popular», subliña.
Reclamado, colle a súa cámara fotográfica —mesmo o móbil— e obtén unhas imaxes, igualmente toma unhas notas de campo, un esbozo, uns debuxos, uns trazos, que, ao chegar ao estudio —non sempre de inmediato—, desenvolverá, ou desbotará, non sen antes un proceso mental de depuración de liñas. Porque o que importa é a cerna do obxecto a capturar, non os adornos nin o seu contido accidental, nin moito menos o aleatorio. Ou si? O método de traballo de Mejuto pescuda o durame, o esqueleto, procura a alma espida en cada peza, coa emoción innata ao cazador, ao lector de signos que é capaz de albiscar o que outros non son quen.
Instrucións de uso
Precisamente no comezo do percorrido atópase o primeiro dos dous elementos estraños á perfecta unidade estética da mostra. Á par dun dos cadriños, apenas catro campos de cor, titulado Praza de San Roque, números 1 e 2, sitúase a fotografía do que representa: dous modestos locais comerciais sen actividade, clausurados, que deitan un xogo seriado sobre o plano inclinado da beirarrúa. É o único exemplo de como funciona a exposición, como unhas instrucións de uso, un resumo da poética dun autor que medrou aos poucos mentres fuxía do poder imantador de mestres como Mondrian ou Frank Stella.
A segunda anomalía (outro cadriño) profunda na lírica da intimidade e da memoria familiar que arde nas brasas que arrequecen este proxecto intelectual. «É unha peza miña dos anos noventa, de cando quería ser un artista conceptual —chancea Mejuto—, que confronta dúas imaxes: unha humilde maqueta de cartón que fixo meu pai, que era un pequeno contratista, dunha especie de fogar ideal, e unha foto que eu tomei e coloreei das casas baratas da avenida do Exército, é dicir, a realidade crúa. Sempre quixen pintar esas casas baratas. E aquí están, canda esta obriña».
Si, ata na pureza buxá e abstracta das liñas —e no aceno adusto de Mejuto tendente a ironía fácil dos desencantados— hai fendas polas que se coan case impertinentes nesta exposición a nostalxia e o sentimento máis candoroso. Unha colección de miradas sobre a cidade —anota Agrasar— na que o autor «reduce a forma do construído a signos que posúen a capacidade de evocar a realidade de arquitecturas moi diversas, con toda a súa carga icónica», sinalando a súa esencia formal, como nunha síntese de «difícil refutación». Grandes estruturas e pequenos detalles, pezas referenciais e outras anónimas, «son transformados en caligrafías e planos de cor que xa non podemos imaxinar doutro xeito, coma se ese proceso redutivo fose consecuencia dunha análise exhaustiva ou, talvez, dunha intuición plástica de grande intensidade», enxalza.