Patrocinado por

Adrián Ben, atleta olímpico, recente campión de España en 1.500 metros: «De maior gustaríame vivir en Galicia»

VEN A GALICIA

<span lang= gl >Adrián Ben cita a La Voz no paseo marítimo xunto á praia de Covas, un lugar onde se amorean as lembranzas para el. Os veciños da vila viron medrar a súa lenda no atletismo rodando neses empedrados.</span>
Adrián Ben cita a La Voz no paseo marítimo xunto á praia de Covas, un lugar onde se amorean as lembranzas para el. Os veciños da vila viron medrar a súa lenda no atletismo rodando neses empedrados. PEPA LOSADA

Fiel á sesión vermú, no Naseiro, na casa, desconectou durante dez días sen perder a forma, pero non pensa polo de agora en instalarse en Viveiro: «Aquí as condicións non son as mellores para un atleta»

31 ago 2026 . Actualizado a las 21:20 h.

Tiña 21 anos cando abraiou cunha estratexia suicida que valeu o sexto posto nos 800 metros do seu primeiro Mundial absoluto. «Díxenme que, se non pasaba, ían lembrar onde queda Viveiro», asegurou entón Adrián Ben Montenegro (Viveiro, 1998). Contrastada figura do mediofondo e fillo predilecto dunha vila que ama malia aos contratempos —«cando adestro a 35 graos en Madrid, bótoo de menos», asegura ao buscar refuxio da chuvia nesta entrevista—, pasou dez días na casa para recuperarse da súa recente eliminación nas semifinais do Europeo en Birmingham.

—Xa esqueceu ese final de curso?

—Un sempre quere vir coas cousas indo ben, pero cando saen mal, recibo moitísimo apoio. Foron apenas dez días en Viveiro, pero serviume para desconectar, ver os amigos, a familia e, sobre todo, estar na casa. Non viña desde Semana Santa.

—Por que é especial para vostede este paseo marítimo?

—Agora tiro un pouco máis cara Celeiro porque en Madrid estou afeito a non dar tanta volta para xuntar os 15 quilómetros, pero é un lugar que me trae moitos recordos. Hai moita diferenza de cando veño no verán a cando é no inverno porque hai menos xente que esquivar.

—Mantén a forma nestas datas xa sen grandes competicións?

—Si. Estou moi contento por iso. Esta mañá estiven nas pistas de San Cibrao e foi un adestramento máis que me deixou con ganas de competir.

—Estivo en Naseiro. Como vive esa festa un atleta de elite?

—Non é a Naseiro full experience de cinco días cunha mesa. Quería polo menos visitalo coidándome moito. Fun soamente polo día, á sesión vermú e un pouco á sidraría. Gústame, reencontro a moita xente e gozo desa tranquilidade de que non todo sexa atletismo.

—O ano pasado tamén foi pregoeiro nas festas de San Roque.

—Foi unha experiencia dura. Tiven case dez horas de viaxe polos incendios que había en España, pero non ten nada que ver co que sufriu a xente que perdeu as súas casas e todo o que tiña. Foi unha experiencia moi chula que tiña ganas de vivir. Seguramente non foi o mellor pregón do mundo, pero produciume unha ledicia inmensa.

—Non se ve facendo a Camovi, a carreira de montaña de Viveiro?

—Estiven na primeira edición correndo os 16 quilómetros con 12 anos, pero agora mesmo non podo, sobre todo, por medo a mancarme. É como se metes un fórmula 1 a correr o Rali Dakar, non dura nin dous quilómetros por moi rápido que sexa.

—Como promociona Viveiro ao resto de atletas?

—A xente; o clima, porque cando estou en Madrid doume conta de que é unha sorte e non os 35 graos aos que estamos, aínda que nos queixemos de que chove; as praias, as vistas desde San Roque, a gastronomía... É verdade que coxeamos un pouquiño de zonas para adestrar como me gustaría. Pero aquí faise a Camovi e agora estamos traballando nun evento moi top que se fará en outubro, a Milla Internacional do Cantábrico.

—Como vai ser esa milla na que se involucrou?

—Utilizámola como un reclamo para que a xente poida ver atletas de nivel que sería difícil ver sen desprazarse moitísimos quilómetros. Pero tamén queremos que sexa unha fin de semana especial. Facemos a milla o sábado e unha carreira de 10 quilómetros o domingo para que a xente veña e se quede, desfrute e vexa Viveiro, durma e cee aquí. Buscamos unha boa data en outubro, que coincidise tamén en etapa de millas. A ver que tal e se podemos quedarnos coa vitoria.

—2027 é un ano de transición antes de Los Ángeles 2028. En que obxectivos pensa?

—Os mesmos de sempre. Seguir adestrando, intentar que cheguen marcas persoais e seguir mellorando. Vou cambiar certas cousas en canto a tempos, pero non demasiadas porque creo que estamos facendo un moi bo traballo. No que teño que ter coidado é na toma de decisións, como me pasou neste Europeo. Chegaba ben, pero somos 16 atletas, tomei unha decisión e saíu mal; todo o contrario que no Campionato de España, apareceu un oco e foi maxistral. Non se hai que volver tolos, pero si seguir buscando a forma de ser aínda máis competitivos.

—O seu futuro está en Viveiro?

—A miña parella está facendo unha casa en Segovia, levo dez anos na Blume e, polo menos mentres teñamos o grupo en Madrid, todo é máis cómodo alí. Aquí as condicións non son as mellores para un atleta. As pistas están en San Cibrao, o paseo é moi duro, para calquera desprazamento tes que viaxar a A Coruña... No futuro, nunca se sabe, pero de maior gustaríame vivir en Galicia e creo que a Águeda tamén.

—Que lle gusta fóra do deporte?

—Encántame o mundo anime. Son un gran coleccionista de cartas Pokémon e, agora que se puxeron tan de moda, moita xente me pregunta. Gústame moito ver películas, series, recuperei ansia lectora... Un vai evolucionando. Por exemplo, en canto a viaxes, despois de pasar toda a tempada de aeroporto en aeroporto, só me apetecía vir á casa.

—E a política?

—Gústame estar ao tanto, pero non como a xente que é fanática e o vive como se fosen do Barça ou o Madrid. Creo que todo é política, hai que seguila porque repercute no teu día a día, pero ás veces cústame co deporte.

—Vese metido nese mundo?

—Non, non. Non creo.