Cristina Pato, música e escritora: «Un verán bonito é pasar tempo cos meus»
VEN A GALICIA
Pasou as vacacións dende pequena na aldea no rural ourensán, primeiro na do seu pai e agora na súa propia, onde está ben acompañada e ilusionada cun proxecto literario
18 ago 2026 . Actualizado a las 15:09 h.Os meses de verán cambiaron dende hai dez anos para Cristina Pato. Unha vez que se afastou dos escenarios e baixou o ritmo no tempo no que antes non podía parar, Ourense é o destino de calma. Concretamente unha casa de aldea que considera un «privilexio». Divide a súa vida entre Nova York e a súa provincia natal. Así, vive cada ano un reencontro ca súa familia, o seu xardín e as súas veciñas. É a mellor maneira de levar a ausencia de pausas na súa faceta como escritora e educadora.
—Cambiou ao longo da súa vida o que significa o verán para vostede?
—Hei de recoñecer que dende finais dos noventa até hai seis anos, que me retirei dos escenarios, os veráns eran a época máis complexa do ano. Pois xuntábanse as xiras de Europa e dos EUA, e sempre estaba en movemento. Agora o verán é sobre todo para estar coa miña nai, coas miñas irmás, coa familia. Para pasar tempo cos que quero mentres sigo traballando nas miñas cousas. E aínda que cada persoa é diferente, e cada familia é un mundo, para min un verán bonito é precisamente iso: un verán no que podo pasar tempo, sen présa, coa xente que quero, a poder ser ao aire libre, ou no meu xardín.
—Ten vacacións como tal ou non descansa do traballo?
—Cada unha é un mundo. Ao traballar por conta propia, as vacacións quizais sexan mais unha idea ca unha realidade. Considérome unha privilexiada, pois a miña vida pública de agora, que é a escrita, é algo que podo facer estando aquí en Ourense ou na miña outra vida de Nova York. Polo que este verán estou compaxinando o tempo cos meus, coas miñas columnas, e cun novo proxecto literario que me ten moi ilusionada.
—Tamén ten que haber xente que pase este tempo no interior, non?
—É curioso, pois para os que somos do rural do interior, Galicia é monte ou río en aldeas moitas veces baleiras. E para os que son de costa, se cadra Galicia é mar ou monte en aldeas un pouco máis cheas cas nosas... Pero non é algo que escollera, desde pequena pasei os veráns na aldea do meu pai, en Nogueira de Ramuín, polo que a miña definición de Galicia sempre foi a da Galicia interior, que é a que coñezo e na que crecín...
—Escápase á praia?
—A pesar de ser de Ourense, o meu non é a praia no verán...
—Que lle gusta facer na aldea?
—Pois como o meu verán é familia, gústame xuntar aos meus neste pequeno xardín, e saír a camiñar co Xan e coa nosa cadela Bimba, e estar coa miña nai acotío coidando das flores, das árbores, ou sacando malas herbas... Tamén teño moita sorte de ter unhas veciñas marabillosas coas que paso tempo parolando e que me enchen de cariño, tomates, pementos, xudías, cabaciñas... E por suposto desfrutar das noitiñas á fresca, se hai..
—É un bo sitio para escribir?
—Tanto para escribir como para ler... Teño unha boa biblioteca na casa, e podo ir alternando as miñas dúas paixóns. Pero hei de recoñecer que son moi afortunada pois podo abstraerme para ler ou escribir en calquera lugar e en calquera circunstancia.
—É para desconectar?
—Ao vivir entre dous mundos tan diferentes e complexos coma o rural de Ourense e Nova York, a palabra desconexión significa moitas cousas á vez: aquí desconecto da vida de alí, a pesar de que sigo conectada a ela, pois levo a metade da miña vida alí. E alí desconecto da vida de aquí, a pesar de que sigo conectada a ela, pois é a miña familia... é dicir, a desconexión é como a felicidade: vai e ven, por momentos, e cando aparecen eses momentos se tes a sorte de poder aprecialos, entón a vida faise máis levadía..