Afeita a non pensar máis ca en dar o máximo nas grandes citas cada verán, Portela vive o seu segundo ano sen competicións gozando de todo sen abandonar o soño olímpico
18 ago 2026 . Actualizado a las 16:22 h.Aos seus 44 anos, Teresa Portela é patrimonio inmaterial de Galicia. A de Aldán aspira a acadar no 2028 oito participacións nos xogos olímpicos —é a única deportista española con sete— na súa campaña máis complicada. Logo dun 2025 sabático tras o seu enfrontamento coa Real Federación Española de Piragüismo por pretender obrigala a mudarse de Pontevedra a Sevilla, Teresa encadea por primeira vez dous veráns sen competir entre as mellores desde a súa chegada á elite no ano 2000. Pero este verán non se parece en nada, di, ao anterior.
—Sendo o seu traballo romper a auga máis rápido ca ninguén, non sei se lle resultará fácil relaxarse nunha praia e as súas ondas...
—Si… Ao final, ser de Aldán é estar rodeado de praias. Para min, é o meu medio. Na miña infancia, se non estaba enriba dunha piragua no mar, estaba na praia cos amigos, xogando, nadando. Para min, a praia é relaxación, faime desconectar por completo.
—Poucos exemplos mellores do que algúns chaman Galifornia ca O Grove —onde vive— e Aldán…
—Si. Cando viaxas polo mundo ves que o que temos nós aquí é incrible. Eu son unha namorada de Aldán, das Rías Baixas e de Galicia. Podemos elixir a ría que queiras, as Rías Altas, as Baixas, que todo o que temos é incrible.
—Estará cansa de pasar calor no caiac. Inda así, a cousa estáse descontrolando. Que lle di o medidor corporal dunha piragüista de elite do cambio climático?
—É unha realidade. Se volvo á miña infancia, recordo que os invernos eran invernos, e os veráns, veráns. Adestramos no encoro de Verducido, e ten habido momentos nos que non podiamos facer series de 1.000 metros porque en 250 o encoro non tiña auga. Evidentemente algo está pasando.
—E non parece bo.
—Non.
—Leva case toda a vida centrada en dalo todo nestas datas en grandes campionatos. Como leva este verán? Resúltalle raro?
—O raro foi o ano pasado. Este ano vívoo de maneira diferente, estoume permitindo desfrutar do que, ás veces, por circunstancias, non desfrutas; do piragüismo, de adestrar, do tempo de desconexión e estar coa familia. Está sendo un ano bonito.
—Cre que este ano sen competir lle podería mesmo vir ben?
—Penso que é necesario ter un obxectivo, e na miña cabeza está Los Ángeles. Pero tamén penso que é necesario estar acorde cunha mesma. Eu pretendo seguir o que marcan os meus principios. Para manter a motivación durante tantos anos tamén é necesario ser honesta cunha mesma, e saber a que estás disposta e a que non. Eu necesitaba o ano pasado parar, non estaba ben mentalmente, pola situación que se estaba vivindo. Estáme sentando ben este ano. Non parei de adestrar, coa mesma dinámica e coa mesma implicación ca outro ano calquera. Non pasa nada por prescindir dun mundial. Agora estou desfrutando de todo, e non creo que isto reste, todo o contrario, penso que suma.
—O deporte asóciase a moitos grandes valores, empezando polo respecto ao rival. Que lle produce escoitar os nosos representantes políticos?
—Non é que os siga moito, pero, ás veces, no que vexo, pois non vexo respecto. Son xente que nos ten que representar, que ten que gobernar o mellor para todos; é fundamental dar exemplo. Un pode discrepar, pero non faltar ao respecto, nin saír do meramente profesional. Cada un debe saber estar no seu sitio, e saber comportarse, porque ao final son o exemplo que están dando a toda a sociedade. E, sobre todo, teñen que inspirar confianza, que tamén se gaña sendo respectuoso. Así é como se pode gañar a confianza de todo un pobo.
—Varios excompañeiros seus na selección probaron na política profesional. Vese candidata algún día? A alcaldesa, quizais?
—Non. Non rotundo. Non.