Patrocinado por

Elena Candia, alcaldesa de Lugo: «Non hai nada coma as festas parroquiais; son unha apaixonada da procesión, do vermú e do pasodobre»

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Elena Candia, ao pé do río Miño, en Lugo, un espazo que respecta a identidade da cidade e «no que respiras doutra maneira e colles moitas forzas».
Elena Candia, ao pé do río Miño, en Lugo, un espazo que respecta a identidade da cidade e «no que respiras doutra maneira e colles moitas forzas». Pablo Fernández

Volver á casa, gozar da praia e pasar tempo coa familia son para ela as mellores formas de coller forzas nun verán frenético, o primeiro como alcaldesa

27 ago 2026 . Actualizado a las 16:21 h.

Conta a alcaldesa de Lugo, Elena Candia (Mondoñedo, 1978), que os mellores veráns do seu recordo son aqueles nos que non pasaba nada extraordinario. Aqueles nos que a normalidade se convertía no mellor das vacacións. Agora, no seu primeiro verán ao fronte do Concello de Lugo, as circunstancias son ben distintas, pero Candia mantén o gusto polas festas, pola familia, pola praia e polo seu lugar da infancia. Confesa que desconectar non é doado, pero non lle importa, «porque ser alcaldesa de Lugo non é un traballo, é un proxecto vital».

—Como vai o seu verán?

—O verán vai intenso. Quero aproveitar ao máximo posible o tempo, para facer todo o que marquei como prioritario. O equipo segue traballando, ao ritmo que se fai nesta época, que sempre é máis lento. Ademais, intento manter as tradicións. Asistir as festas que me gustan e dedicar tempo á familia. Con máis responsabilidade, ou cunha responsabilidade máis directa, pero en termos xerais podo dicir que vai ben, porque estou cumprindo co obxectivo marcado. 

—Falando de prioridades, que cambia con respecto ao ano pasado?

—O ritmo de traballo é distinto. A política local ten unha característica fundamental, que é a proximidade e a inmediatez. Isto condiciona moito a maneira de establecer as prioridades, de traballar e de dar resposta en diferentes ámbitos. Realmente, é o espazo que me gusta. O ano pasado estaba como portavoz na oposición, e iso permite manter a presencia na epoca estival, especialmente nas actividades festivas, que son moito máis ca festas. Para os veciños, o día da súa parroquia é o mellor do ano, e temos que estar aí. Darlles a importancia que merecen como parte da nosa identidade e demostrarlles que a cercanía ten que ser un valor non só cando hai eleccións. Pois ben, todo iso que faciamos o ano pasado agora hai que organizalo dende a xestión, e iso supón unha responsabilidade máis grande. Hai que atender asuntos que non estaban indo ao ritmo que entendo que deberían, e temos que compatibilizar o traballo administrativo coa acción política, esforzándose en comunicar todo o que se está facendo. Tamén o anterior verán estaba no Parlamento, como vicepresidenta, e nese contexto os resultados percíbense a medio ou longo prazo. Este ano o traballo é máis intenso, pero máis gratificante, porque as resolucións teñen detrás persoas ás que coñeces.

@lavozdegalicia

Conta a alcaldesa de Lugo, Elena Candia (Mondoñedo, 1978), que os mellores veráns do seu recordo son aqueles nos que non pasaba nada extraordinario. Aqueles nos que a normalidade se convertía no mellor das vacacións. Agora, no seu primeiro verán ao fronte do Concello de Lugo, as circunstancias son ben distintas, pero Candia mantén o gusto polas festas, pola familia, pola praia e polo seu lugar da infancia. Confesa que desconectar non é doado, pero non lle importa, «porque ser alcaldesa de Lugo non é un traballo, é un proxecto vital».   ðŸ–Šï¸ Paula Ãlvarez   ðŸ“¹ï¸ Pablo Fernández

♬ sonido original - La Voz de Galicia 📰

—Colleu ou vai coller vacacións?

—É difícil a resposta. As vacacións son necesarias, porque necesitamos pararnos e pensar, iso é saudable física e mentalmente. Pero creo que, no meu caso, hai que compatibilizalo con que os servizos funcionen, e con darlle unha resposta a persoas que levan moito tempo agardando. Eu intento descansar algo, pero o equipo ten que funcionar igualmente, porque os veciños teñen que saber que o Concello de Lugo funciona

—En que lugar desconecta ao 100 %? Consegue deixar o móbil? 

—O lugar onde un desconecta ao 100 % é o lugar onde unha naceu ou onde foi nena, préto da familia. Onde todo o que te pode preocupar queda a un lado. O lugar da infancia sempre é un espazo de encontro, que me permite recargar forzas, abstraerme e centrar as prioridades, calibrando o que realmente é un problema e o que non o é. Pero o do móbil si que é máis complicado (risas). Son unha persoa moi pasional, entón cústame moito quitar da mente as miñas responsabilidades, aínda que sexa por un día. Para min ser alcaldesa de Lugo non é un traballo, é un proxecto vital e, polo tanto, é imposible non estar pendente. Podería dicir que intento desconectar, pero iso de deixar a un lado o teléfono móbil aínda non o conseguín. Se digo o contrario, mentiría. 

—E agradece este ritmo ou gustaríalle frear un pouco? 

—Está claro que cada un enfoca a súa vida en función das circunstancias e do que lle gusta. Eu teño esta dedicación porque me gusta o que fago. Se non fose así, non podería dedicarlle as horas que lle dedico. É certo que ás veces teño esa sensación física de agotamento, porque son moitas horas, e moi intensas, con moitos asuntos ao mesmo tempo, pero como é absolutamente vocacional non o vexo como unha carga. 

—Dorme as mesmas horas no verán ca no inverno? 

—Quizais durmo menos no verán. Dicía miña avoa que a luz marca as necesidades do corpo, e eu nesta época durmo bastante menos. Igual unhas dúas horas de diferenza, sen prexuízo de que nunca fun unha persoa de dormir moito. Xa de pequena me gustaba madrugar.  Unhas cinco horas chéganme. 

«Os meus verán sempre estiveron condicionados pola necesidade de axudar na casa»

—Fáleme dos veráns daquela nena de Mondoñedo.

—As miñas vacacións estaban moi condicionadas pola actividade da casa, dado que miña nai tiña unha explotación gandeira e sempre trataba de axudarlle. Ademais, ao vivir na aldea era máis complicado desprazarse. Primeiro tiven un ciclomotor que me daban certa liberdade e despois xa saquei o permiso de conducir. Pero na miña mente está a imaxe das vacas e de intentar axudar aos meus pais. Un dos mellores veráns que recordo foi o do ano 2000-2001. Era o meu terceiro ano de carreira, e tiña un grupo de amigas co que compartía todas as actividades. Quedou marcado non porque houbese algo extraordinario, senón pola propia normalidade, polo privilexio de poder estar na aldea gozando da miña xente. 

—Tíralle máis a horta ou o gando? 

—Gústame máis o gando. Medrei entre animais e os traballos parécenme máis dinámicos. A miña familia nunca se dedicou á horta máis aló de plantar uns pimentos e unhas patacas. 

—Un lugar de Galicia ao que lle gustaría ir? E de Lugo?

—Da provincia lucense é complicado porque creo que fun a todos os que me gustaría. E de Galicia case que tamén. Aos que me interesaba preocupeime e fun, mesmo repetidas veces, porque é case imposible querer ir a un sitio e non facelo. Eu sempre defendo que antes de viaxar lonxe me gusta coñecer o de préto, e se teño un día libre aproveito para coñecer a nosa comunidade aínda máis. Gústame moito Combarro (Pontevedra). Podería dicir que a provincia máis descoñecida para min, e a que menos visitei, é Ourense. Se me queda algunha zona por descubrir é dese territorio.  

—Cal é o seu recuncho favorito?

—Calquera que teña praia. Todas as praias galegas son un lugar favorito ao que nunca poido deixar de ir, especialmente na costa da provincia de Lugo. Aínda que hai praias en A Coruña que tamén teñen unha singularidade especial. E se ademais a praia ten unha boa gastronomía, que non ten porque ser ningún luxo, váleme un ovo frito con chourizo da casa, e tes un espazo para poder dedicarte tempo, coa posibilidade de camiñar ou ler, ese é para min o plan perfecto dun día de verán. 

—Cal é a mellor festa do verán? 

—Dende o punto de vista da diversión gústanme moito as festas de recreación histórica, coma o Arde Lucus. Son celebracións moi singulares, con moita aportación histórica e cultural, nas que te informas e aprendes sempre algo novo. Igual tamén me tiran moito pola miña orixe e apego ao mercado medieval de Mondoñedo. Pero teño que dicir que non hai nada coma as festas parroquiais. Son unha auténtica apaixonada da procesión, o vermú e o pasodobre. Estes eventos son un importante elemento de unión das aldeas que sobrevive xeración tras xeración, e que van máis aló dunha festa porque son a verdadeira esencia da nosa forma de vida e da nosa xente. Aínda que non che guste a música, vas ao vermú. Aínda que non sexas de misa, vas a procesión. E ese día está marcado no calendario ano tras ano, e creo que é algo que temos que seguir potenciando. Tampouco me esquezo doutras celebracións consolidadadas coma o San Froilán, que me encanta. Eu non son moito de trasnoitar e cada vez me gustan máis o ambiente dos tardeos, que favorecen a convivencia co descanso, ofrecen miles de posibilidades e permiten gozar dun xeito diferente de lugares emblemáticos.