Patrocinado por

A caña de Valga sabe a Galicia

La Voz VALGA / LA VOZ

VEN A GALICIA

O Agosto Gastronómico arrincou en Valga, empeñado en poñer en valor os produtos tradicionais desta localidade

13 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As demostracións de cociña en vivo téñense transformado, dun tempo a esta parte, na espiña dorsal do programa gastronómico co que Valga exalta, cada verán, dous dos seus produtos estrela: a caña do país e a anguía. Este martes celebrouse na Casa da Caña precisamente, o primeiro dos showcooking previstos para este ano. Dan man do chef Álex Iglesias, o maestro de cerimonias, «a caña tradicional de Valga subíu un pouco máis os calores da tarde», segundo relatan con humor dende a organización. Empregando o augardente local como ingrediente, Iglesias cociñou produtos galegos de orixe coñecida e recoñecida. O mexillón, o porco celta, as castañas ou o mel de Galicia cociñáronse con caña, igual que a outra grande protagonista da cociña valguesa, a anguía. Todos estes produtos de calidade extrema foron protagonistas «de pratos sinxelos, con ingredientes accesibles que as persoas asistentes poden reproducir nos seus fogares». A fin de contas, do que se trata é de «acabar coa falla de costume de usar a caña na cociña», segundo sinalou Álex Iglesias.

Tendo en conta o amplo abano de sabores que ofrece a caña do país —dende a pureza da branca, ata os sabores doces da tostada, pasando polos aromoas herbais e afroitados da de herbas—, elaborouse un menú que se abriu cun prato de Mexillón de Galicia flambé con caña de herbas e lima. Un sofrito de allo, cebola e lima, un chorro de viño branco e caña de herbas flamexada constituíron o leito sobre o que se abriron os mexillóns, cen por cen galegos, como non podía ser doutro xeito.

A segunda proposta foi unha tosta de anguía afumada con allos tenros e setas ao allo de caña tostada. E para rematar os bocados salgados, unha carne: solombo de porco celta, castaña de Galicia redución de caña branca e mostaza antiga. Para rematar este menú espectacular, un doce que non pasa desapercibido: filloas con recheo de crema, regadas cun licor de laranxa feito no momento con Mel de Galicia, zume de laranxa e caña branca.

Esta primeira clase de cociña en vivo abre o camiño para as que aínda están por vir. A próxima será o domingo 23, á unha da tarde: o público aprenderá, entón, a facer cocteis con caña do país. Case nada!.