Patrocinado por

Niki mudou Inglaterra por Galicia: «Ensino inglés ao aire libre na  Costa da Morte. Para saber unha lingua hai que vivila» 

VEN A GALICIA

Niki, de Dorset, vive co seu marido e as súas fillas en Carnota.
Niki, de Dorset, vive co seu marido e as súas fillas en Carnota. Sam Ponsford Photography

Buscando un modo de vida e contribuír á economía local, Niki decidiuse a emprender. E o galego foi a chave para iso. «En castelán vin que a xente maior de aquí non me entendía, por iso quixen facer un esforzo e aprender galego», revela

04 ago 2026 . Actualizado a las 15:11 h.

Na «Galicia profunda» viven, profundamente convencidos, Niki e Sam, parella do Reino Unido afincada en Quilmas, lugar no que atoparon o «paraíso» que buscaban como pais de dúas nenas e amantes do surf. Niki Lurie (Poole, Dorset, 1980), natural da costa sur de Inglaterra, coñeceu Galicia no verán do 2005: «Gustoume! En outubro cheguei á Coruña e xa comecei a traballar como profesora e quedei». En Galicia, esta emprendedora que ensina inglés pola natureza foi tirando máis para o rural, primeiro Esteiro, despois Carnota. E hoxe vive a monte na Costa da Morte co seu marido, Sam, e as súas nenas, Leiki e Ayla, de 9 e 10 anos.

A parella coñeceuse traballando nunha academia en Santiago. Uníanlles o berce e as ondas. Polo surf «primeiro vivimos en Esteiro, en Muros, e cando naceu a filla maior as cousas deron unha volta e chegamos a Quilmas», conta Niki. Chegar e encher. Atoparon casa preto da praia, «moi bonita». Coa chegada da segunda filla, Niki deixou de ir e vir a diario de Carnota a Santiago a traballar e montou Sea Change Natural English. Sam foi gañando prestixio e clientes de toda a Península como fotógrafo de vodas cun selo «natural e atemporal».

Buscando un modo de vida e contribuír á economía local, Niki decidiuse a emprender. E o galego foi a chave. Ela sempre tivo interese pola lingua: «En castelán vin que a xente maior de aquí non me entendía, por iso quixen facer un esforzo e aprender galego. O galego é o idioma dos meus clientes», di Niki referíndose sobre todo ás clases que dá durante o curso. En galego achégase á xente á que lle ensina inglés.

«As linguas non pelexan. E menos se se empezan a ensinar de nenos de forma natural», pensa Niki. «Hai que absorber a lingua, vivila de forma cotiá, non só de maneira académica e instrutiva», explica esta falante de inglés, castelán e galego que se decidiu a converter en realidade o seu desexo de «dar clases en inglés ao aire libre aproveitando os recursos, a paisaxe e a cultura da Costa da Morte».

O peor galego, como o peor inglés, é o que non se fala, considera: «Un idioma vive. É a xente que o fala. Non é unha cousa estática, é algo en movemento que está empapado da xente que o fala».