Patrocinado por

Xosé Antonio Touriñán:  «Os mellores veráns foron na aldea, nunca fun de vacacións»

VEN A GALICIA

Sara Toja

É un dos nosos mellores cómicos e só con abrir a boca a xente escacha de risa, pero el non se considera nada simpático no seu día a día. Incluso conta que tivo que superar a súa timidez: «De neno dábame pavor subirme a un escenario». Calquera o diría

04 ago 2026 . Actualizado a las 15:31 h.

Di Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, 1980) que non lle dan tantos papeis de malo coma lle gustaría, porque lle din que ten cara de boa persoa. Abofé que si, pero tamén ten cara de retranqueiro e disfrutón. Ben parece un bo tipo que disfruta cos colegas cando está de leria, pero que tamén ten un punto tímido que muda e se transforma cando sobe a un escenario. Así é o noso querido Touri, como xa o coñece case todo o mundo. El non só triunfa en Galicia, senón que tamén conquista outras prazas non menos esixentes.

—Teño que recoñecer que me parto de risa contigo...

—Fantástico, iso é marabilloso.

—Dáche vergoña que a xente te afague?

—Un pouco, porque non sabes moi ben que dicir. Máis que «grazas», e «me alegro un montón que disfrutes co que fago»... [ri].

—Pero imaxino que cho dirán moito...

—Si, a verdade é que sinto moito o cariño da xente e tamén hai esa cousa de «este é o noso, este galego é dos nosos», esa cercanía... É fantástico que a xente che diga que lle fas rir. É como... que guai!

—Actor, humorista, monologuista... con que quedas?

—Eu fago o que faga falta. Porque tamén me dedico a isto pola inquietude de xogar, de non deixar de ser un rapaz, un neno que quere facer de todo e probar de todo. Entendo que veño da comedia e considérome máis cómico que outra cousa, aínda que un cómico tamén é un actor... Pero tamén me encanta producir... Non sei se liante pode ser a palabra. Diría que son un liante. É o que máis fago. Liar a xente e meterme en líos, en cousas novas, en viaxes, en aventuras ... Teño a sorte de poder facer cousas distintas cada tres meses ou así... É traballo, pero é moi divertido.

—De onde che vén ese gusto por facer rir? De familia?

—Non te creas, porque os Touriñán somos bastante serios todos. Temos fama diso. É verdade que ao mellor si somos retranqueiros e cómicos, pero tamén moi mal encarados, no sentido de que sempre parece que estamos serios. Eu tampouco sabía que tiña dentro isto de caer ben e facer graza. Na miña vida normal non me considero nada simpático. Pero si son o primeiro en dicir que hai que montar isto ou facer outra cousa, como o festival que montamos en Castelo (Culleredo)... colaborar coas festas, montar unha obra de teatro, probar un monólogo ou subir aí para dicir chorradas. Niso son o primeiro en dar o paso. Pero non me considero excesivamente simpático. Así que non sei de onde me vén. Supoño que un pouquiño tes que traelo de serie e outro pouco tes que adestralo e quedar coas cousas que funcionan e que lle gustan ao público.

—Improvisas moito ou hai moito traballo detrás?

—Moitas veces parece que hai máis improvisación da que hai. A historia tamén é dicilo con naturalidade e que pareza verdade o que está xurdindo nese momento. Pero tampouco podo dicir que non improviso, porque é o que máis me gusta. Sorprender, que pasen cousas e ser rápido e creativo. Hai moito traballo e moito máis guión do que a xente pensa. Tampouco vou a descubrir aquí as miñas ferramentas e armas secretas... [ri] Non podo contar moito máis, pero hai un pouco de todo. Aínda que moitas veces ata me sorprendo eu das respostas e saídas que teño. Pero se algún rapaz quere ser cómico ou humorista, hai que traballar moito.

—Estiveches de xira por fóra de Galicia, alí enténdese o noso humor?

—Si, enténdese igual que aquí. Quero dicir que as cousas que fan graza aquí, tamén o fan fóra. O que pasa é que eu falo de moitas cousas que necesitas ter referencias. Por exemplo, de Oleiros ou da Nacional 550, entón se tes esa referencia faiche máis graza porque dis: «Eu pasei por aí», «eu estiven nese bar ou nesa discoteca...». Pero fóra diso, o humor é igual. Tamén teño que dicir que hai moitos galegos en todas as actuacións que fago por aí, en Bilbao, Barcelona, Madrid... e estarei en máis sitios. Hai moita xente que é galega no público ou que ten vinculación familiar con Galicia.

—E como es fóra do escenario, dá a impresión de que algo tímido...

—Si que era tímido, pero a profesión foime sacando esa timidez. Non podo dicir que introvertido, porque sempre fun moi de grupo, moi social e necesitei á xente para facer cousas e divertirme. Pero despois si que era tímido. Dábame pavor subirme a un escenario e ter que aprender un texto. Cando era neno o pasaba fatal. Sufría moitísimo. Por iso creo que improviso tanto, porque me daba medo dicir un texto exactamente igual a como aparecía.

—Escolliches ti a profesión ou foi ao revés...

—Sempre digo que foi a profesión a que me escolleu a min. Esta xente que di: «Eu xa nacín para isto... ou xa me subía a unha mesa a cantar na casa ou actuaba para amigos e familiares...». Eu non, facía algunhas chorradas cos amigos, e gravábamos aquí na aldea unhas cintas casetes coma se fixéramos un programa de radio ou un anuncio publicitario, e supoño que vén de aí. Pero eu me considero bastante soso e serio. Sempre digo que son bastante toxo.

—Séntache moi ben o papel de contrabandista...

—Ten que haber moitos tipos de contrabandistas e de moitas maneiras, porque a Zahera tamén lle queda moi ben. El ten cara máis de malo ca min [ri]. E para algún papel non me escolleron porque din que teño cara de boa xente. Por iso digo que ten que haber moitos tipos de contrabandistas, porque... mira que facemos series desas en Galicia! E se hai que facer de narco pois faise.

—En «Fariña», lucícheste...

—Para min Fariña foi moi importante porque foi o meu primeiro papel separado da comedia que facía na televisión de Galicia. Recordo estar na sala de espera antes de facer o cásting e pensar: «É que todos estes compañeiros que teño arredor poden facelo mellor isto ca min». Así que foi unha sorpresa e un regalazo. Porque Fariña te pon noutro lugar e os actores é o que queremos. Poder facer cousas completamente distintas e que saian ben.

—Preocupábache que non saíse ben?

—Non, porque isto vai de xogar e ás veces que me puxen serio, hai moito tempo, foron as que peor o pasei. Así que iso non me preocupaba, porque tamén aprendín a saber estar onde disfruto, onde o paso ben e tamén quero probar a facer cousas novas para ver ata onde son capaz. Pero sen excesiva presión. Tamén o elenco que había na serie e o feito de poder estar entre eles, era como: «Dios, e eu estou aquí tamén..., eu que son un pallaso, qué fago aquí?». Pero é unha presión bonita.

—¿Como recordas os teus veráns de rapaz?

—Pois pasábaos aquí, onde estou agora. Eu vivo en Castelo e os mellores veráns foron aquí. Nunca fun de viaxe a ningún lado, nin de vacacións. Meus pais non eran diso. Pero volvería pasalos igual. Había rapaces que viñan a aldea os fins de semana ou as vacacións. E eu era dos que vivía na aldea e era feliz cando viñan os amigos, aparte dos que xa estabamos aquí. Case todos viñan da Coruña, pero tamén tiña amigos de Barcelona, algúns de Londres... E era marabilloso andar na bici e xogar ao fútbol. Antes non había tantas piscinas e tiñamos que ir a unha que había nunha urbanización privada. Pero o que faciamos era subir e baixar coas bicis e ir bañarnos ao río... Oxalá puidese volver a esa época porque era marabilloso, aínda que fora só por 15 días...

—«La Resistencia» está creando escola e o outro día fixeches unha parodia sobre as túas relacións sexuais, respondendo que ás veces ata mentres montabas un moble de Ikea che podía apetecer...

—[ri] Si, formaba parte dun monólogo, pero se che fai graza é que acontece. E está moi ben que estea de moda preguntar polo número de relacións sexuais e polos cartos que tes no banco, pero non é das cousas que máis me interesen. Eu son de improvisar e podería dicir de mil maneiras as relacións sexuais que teño ou os cartos que teño no banco. Estaría contestando, pero non tería por que ser certo. Pero está ben ver a xente nese punto incómodo de contestar este tipo de cousas. E xa que falamos de verán, ao mellor en verán apetece un pouco máis. Ás veces non podo polo que sexa, pero apetéceme máis en verán [ri].