Jesús Fernández, empresario de turismo rural: «A Aldea do Mazo é autosuficiente e xera toda a enerxía que consume»
VEN A GALICIA · Exclusivo suscriptores
Fernández é o creador dun complexo turístico do Courel que xa cumpriu doce anos e que acaba de ingresar no Corredor Ecoturístico de la España Verde
12 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O complexo turístico Aldea do Mazo —no municipio de Folgoso do Courel—, inaugurado o 17 de maio do 2012, ingresou recentemente no Corredor de Ecoturismo de la España Verde. O seu creador e propietario, Ángel Jesús Fernández Villarabid (Antas de Ulla, 1954) recorda que esta foi a segunda aldea de Galicia rehabilitada integramente para dedicarse ao turismo rural. A primeira foi a do Couso, no municipio ourensán de Sarreaus. «Pero hoxe en día está pechada», sinala.
—Como chegou ao Courel?
—Cheguei aquí pola miña profesión, porque traballei na compra, venda e rehabilitación de vivendas rurais, pero xa coñecía este territorio de moito antes. Tamén traballei aquí en campamentos organizados pola Xunta. En certo momento ofrecéronme unha vivenda neste lugar, que por entón levaba uns 35 anos abandonado, e compreina sen máis pretensión que a de ter un montón de pedras nunha pequena aldea.
—Por que decidiu iniciar este proxecto?
—Foi a raíz dun comentario do anterior alcalde, que me propuxo rehabilitar toda a aldea para dedicala ao turismo rural, ofreceume a axuda do Concello e púxome en contacto coa Deputación para buscar máis apoios. Conseguín comprar todas as propiedades da aldea, que tiña tres vivendas e algunhas construcións auxiliares. Despois houbo un cambio na alcaldía a causa dunha moción de censura, pero decidín seguir adiante con este proxecto.
—Foi complicada a rehabilitación?
—Houbo que traballar bastante, porque ademais de que a aldea levaba moitos anos deshabitada e non tiña auga nin luz, nin ningún servizo, nin sequera contaba cun acceso adecuado. O Concello encargouse de acondicionar un acceso e conseguín axudas dos fondos europeos e da Xunta. Os traballos de rehabilitación duraron dous anos e medio, e finalmente puidemos abrir o establecemento. Despois destes doce anos de actividade podo dicir que o proxecto que tiña entón está cumprido.
—Saíu todo como esperaba ao principio?
—Cando preparas un proxecto tes unhas previsións que non sempre saen como esperabas. Neste caso, eu tiña previsto que a clientela sería sobre todo de tipo familiar e por iso acondicionei varios apartamentos con cociñas. Pero despois a clientela foi moi diferente do que esperaba e hoxe
as cociñas case non teñen uso.
—Cal é a clientela predominante?
—Dedicámonos sobre todo a acoller reunións de empresas, retiros organizados e vodas. Por exemplo, levamos varios anos acollendo ás persoas que participan en retiros que se organizan dentro dun programa chamado Intermittent Living, que comprende actividades para xente que padece problemas a causa do modo de vida urbano. Veñen participantes de moitos países. A Aldea do Mazo é ideal para estas actividades, porque é un lugar tranquilo, rodeado de bosques e sen ruídos de ningún tipo. Tamén teñen moita demanda as vodas. Os noivos, as súas familias e convidados fan estancias de venres a domingo.
—Tiveron problemas cos grandes incendios forestais do verán do 2022 na serra do Courel?
—O lume non nos afectou directamente, pero si tivemos unha caída de ocupación moi forte debido á publicidade negativa que supuxeron os incendios, como pasou con todos os negocios turísticos do Courel. Todo o sector quedou moi afectado e non tivemos ningunha indemnización. Hoxe iso está superado, pero temos problemas polas obras da estrada de Folgoso a Seoane, que están tendo moito retraso. O sentir xeral do noso sector é que estamos sendo moi castigados.
—Quedan obras por facer?
—Seguiremos facendo acondicionamentos de tipo urbanístico, pero non máis construcións. Ademais de rehabilitar as vivendas fixéronse novas edificacións para albergar as actividades que acollemos. Un aspecto importante é que a aldea é hoxe autosuficiente ao 100% no aspecto enerxético. Desde o ano pasado xeramos a toda a enerxía que consumimos. Funcionamos exclusivamente con enerxía solar, aerotermia, biomasa... E tamén illamos todos os tellados e cambiamos todas as carpinterías para reforzar a eficiencia enerxética.
—Cantas persoas traballan hoxe neste complexo?
—De forma permanente hai dúas persoas e tamén estou eu, que me ocupo de xestións básicas. Pero de forma temporal tamén se contratan camareiros e cociñeiros para atender á xente que participan nas estancias. Ten que ser persoal especializado, porque sobre o 50% das comidas que servimos son veganas ou vexetarianas.