Miguel Anxo Fernández: «Soutelo debe localizar a espada de Santiago Apóstolo para o Xacobeo»

x.m.r OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Santi M. Amil

Vinte anos despois de incorporarse á literatura galega con «Un nicho para Marilyn», volve o decano dos detectives galegos cun novo caso

23 nov 2022 . Actualizado a las 09:10 h.

No Premio García Barros de hai vinte anos encetou a súa andaina un detective moi particular. O caso que lle tocou en sorte non era doado, mesmo tiña bastante mala pinta: un necrófilo andaba solto por aí e, por riba, dáballe polos mortos famosos. Con Un nicho para Marilyn encetaban as historias de Frank Soutelo, un sabuxo made in USA pero cunha filosofía moi galega, como manda a tradición se os teus pais son de Soutelo de Montes e Muros. Logo daquela convocatoria do García Barros o autor, Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955), atopouse con Carlos Casares, quen promoveu a edición da súa obra O sabre do francés. E aí comezou a relación entre Frank Soutelo e Galaxia. Catro lustros despois, o decano dos detectives galegos volve ao choio en A conxura do sete. Deste volta, á investigadora Dalia Maxino encárganlle que atope a mítica espada do Apóstolo Santiago —agochada durante séculos e seica tronzada en sete anacos para que non a roubaran os franceses— porque disque a queren para o vindeiro Xacobeo. Maxino reclama os servizos de Frank Soutelo e todo remata por enlearse nunha historia na que aparecen grupos de presión internacionais, o Mosad e os masóns, entre outras referencias.

—Quen fai a encarga para que se atope a peza?

—Un profesor da universidade compostelá, Edmundo Dasairas. Frank Soutelo debe localizar a espada de Santiago Apóstolo para o Xacobeo, pois este amosa interese nela para os fastos promocionais do Camiño. E cómpre discreción, pois sospeitan que hai outros que tamén a queren.

—Quen e para que?

—Garda relación coa inventio. Sectores islamitas e sionistas por diferentes razóns, e mesmo contrabandistas de arte. Até sospeitan que a masonería anda na allada. Todo nun contexto de ficción sen renunciar ao verosímil. Ao cabo é unha novela policial con pingas de aventura,

Drama, comedia negra e algún friame repartido pola trama.

—Na presentación definiu a obra como unha «road movie» e falou da súa escrita como unha estrutura a xeito de guión. Chegará algún día Frank Soutelo á pantalla?

—Non son supersticioso, pero cada vez que xorde unha tentativa de levalo á pantalla e se fai público, o proxecto cae. Por iso, agora mesmo seica hai unha produtora galega nesa allada, polo que se sae, anúnciase, e se non sae, aquí non pasou nada. En canto á escrita, concibo os capítulos como secuencias, e a estrutura road movie é a coartada perfecta para dinamizar a trama e facela pracenteira aos lectores.

—Por que tardou sete anos en ter esta sétima entrega?

—Porque non entendo as présas para a escrita. Tampouco se vive da literatura, e menos da escrita en galego, unha mágoa. Comezou a xestarse hai uns sete anos, meteuse a pandemia polo medio, tempo para outras cousas, en fin... Ambiéntase polo 2019, iso mantíveno por coherencia co argumento.

—Referiuse ao papel do patrimonio. A obra incidirá nun mellor coñecemento ou na promoción do mesmo?

—A procura da espada, tronzada en sete anacos a comezos do XIX para protexela dos napoleónicos, é unha coartada para percorrer o patrimonio histórico de Galicia. Dende O Cebreiro aos mosteiros de Oseira e Carboeiro, ás catedrais de Ourense e Compostela, e mesmo Betanzos e O Corpiño. Evitando o documentalismo e mais o didactismo. Trátase tamén de que os lectores se sintan atraídos por ese importante aspecto deste país.

—Haberá versión castelá?

—Hai dúas da serie versionadas en inglés, publicadas con Small Stations, e unha pirata da seminal Un nicho para Marilyn, pero nin teño axente nin tampouco ofertas para que Frank Soutelo fale castelán. Agardo que se manteña vivo entre os nosos lectores e que pronto chegue a oitava, que xa está medrando.

Miguel Anxo Fernández retoma ao seu detective Frank Soutelo

La Voz

O escritor, profesor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández celebra os vinte anos do seu personaxe máis carismático, o detectivo Frank Soutelo, coa publicación dunha nova novela. A obra «A conxura do sete» (Galaxia) preséntase este martes no Centro Cultural Marcos Valcárcel (11.30 horas) nun acto no que o autor estará acompañado polo director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro. «A conxura do sete» é a sétima entrega das aventuras do «sabuxo» americano de ascendencia galega. A serie comezou con «Un nicho para Marilyn».

Seguir leyendo