Patrocinado por

Unha viaxe de 250 quilómetros polo corazón de Labarta Pose

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Un roteiro pola Costa da Morte percorre espazos que marcaron vida e obra deste autor, para quen piden a dedicación do Día das Letras Galegas

05 abr 2022 . Actualizado a las 23:51 h.

Concello e axentes sociais levan xa un tempo pelexando para que se lle dedique o Día das Letras Galegas ao autor baiés Enrique Labarta Pose, mais, mentres non conclúe esa carreira de fondo, outras iniciativas van xurdindo para dar merecida visibilidade ao escritor e xornalista natural do municipio de Zas. A última, un itinerario literario de 250 quilómetros polos puntos da Costa da Morte que o marcaron tanto biográfica como literariamente.

O percorrido xurdiu froito da colaboración entre o Concello e o Consello da Cultura Galega e foi impulsado ao abeiro do programa Roteiros da Cultura, que promove esta última entidade e que conta xa cunha trintena de iniciativas despois de que Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal inaugurasen o proxecto en 2009.

Tania Carreira, técnica de Turismo de Zas, foi a encargada de deseñar o percorrido, baseado na obra que Labarta escribiu en galego. O proxecto comezou en setembro e, segundo explica, inicialmente o ámbito xeográfico ía ser moito maior. «Pensamos en facelo en toda Galicia, pero seguindo as recomendacións de Manuel Gago, que dirixiu a iniciativa dende o Consello da Cultura Galega, decidimos acoutalo á Costa da Morte», indica a técnica, que engade, en relación ao proxecto: «É unha forma diferente de dar a coñecer os recursos naturais e as paisaxes que inspiraron ao autor, vinculándoas á literatura. Na páxina web oficial, cada punto da ruta aparece xeolocalizado, con fotografías e cunha pequena descrición do que o visitante se pode atopar. Tamén se indica con que parte da súa obra ou vida está relacionado».

O itinerario parte do centro sociocultural de Baio, onde está colocada unha exposición permanente sobre o escritor e onde repousa o material documental doado polas irmás Valiña, e pasa por lugares como a casa natal de Labarta, a igrexa de Baio, os Batáns do Mosquetín, o faro de Cabo Vilán, o santuario da Barca de Muxía, o pazo das Edreiras ou as localidades de Camelle, Cereixo, A Ponte do Porto ou Zas.

Son, en total, 250 quilómetros pensados para percorrer en coche durante dous días, o que a converte na ruta máis longa de tódalas que ata o de agora se adheriron ao programa do Consello da Cultura Galega. A de Eduardo Pondal pola Costa da Morte, por exemplo, unha das primeiras en impulsarse, ten 100 quilómetros; mentres que a de Castelao no Barbanza ten 30 e pasa por lugares como o cemiterio de Rianxo, Punta Neixón ou o Museo Valle-Inclán de A Pobra do Caramiñal, entre outros.

Despois da presentación oficial deste roteiro Labartiano, que tivo lugar en Baio a mediados de mes, o Concello planea agora editar uns folletos informativos sobre o itinerario para distribuír polos principais lugares de interese turístico. Tamén continuará rodando a exposición itinerante sobre o autor que pasou xa por varios centros educativos, unha mostra que pode acompañarse de material didáctico descargable a través da páxina web oficial do consistorio. A idea, explica Tania Carreira, é seguir divulgando sobre un autor que, pese a súa relevancia para a cultura galega, é aínda descoñecido por moitos.

Mentres, unha comisión presidida polo físico baiés Jorge Mira continúa traballando para alcanzar esa desexada homenaxe por parte da Real Academia Galega. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, anunciou no acto celebrado en Baio que se encargaría de «levar o recado» á RAG.