Patrocinado por

Amaia e Dorian súmanse ao cartel do Albariño

La Voz CAMBADOS

VEN A GALICIA

Actuarán na praza de Fefiñáns o 5 e o 6 de agosto, respectivamente, a 5 euros a entrada

29 mar 2022 . Actualizado a las 15:32 h.

Amaia e Dorian súmanse ao cartel de concertos da Festa do Albariño. Actuarán na praza de Fefiñáns os días 5 e 6 de agosto, respectivamente, e as entradas saen á venda este venres 1 de abril ás 12 do mediodía en ataquilla.com, a un prezo de 5 euros (máis 1 euro de gastos de xestión). No mesmo portal electrónico están tamén dispoñibles as entradas para os concertos de Nicky Jam, e, a partir do día 1, para os de Morad e Beny JR.

O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, anunciou esta mañá estas novidades con respecto aos principais concertos da Festa do Albariño. Confirmadas xa Tanxugueiras para o martes 2 de agosto (con entrada de balde) e Nicky Jam para o venres 29 de xullo, faltan por coñecerse os nomes das ou dos artistas que actuarán en Fefiñáns o sábado 30 de xullo, o domingo 31 e o xoves 4 de agosto. O domingo 7 está reservado para actuacións infantís e o tradicional concerto do Albariño da Banda de Música de Castrelo.

RAMON LEIRO

Dorian é unha das formacións máis importantes da nova escena musical de España. Teñen publicado media ducia de traballos discográficos: «10.000 Metrópolis», «El futuro no es de nadie», «La ciudad subterránea», «La velocidad del vacío» e «Diez años y un día» . Dorian combina tradición, pop  e rock e as novas producións e sons da música electrónica contemporánea. «Esta mestura pouco habitual fíxoos destacar na escena española e gañarse a atención e o respecto do público e da prensa especializada, ademais de convocar grandes audiencias nos principais festivais e salas de España e México, país onde a banda iniciou unha sólida e prometedora carreira, á vez que se encontra en pleno proceso de expansión noutros países do continente americano. A banda creouse no 2003 por Marc Gili, Isabel Hernández e Bart Sanz en Barcelona, cidade que naqueles momentos vivía con intensidade a consagración da cultura de clubs e de festivais como Sonar, BAM ou Primavera Sound. Dende entón DORIAN ten actuado en practicamente todos os festivais do Estado español e en numerosos festivais doutros países, como é caso de SXSW en USA, Paredes de Coura en Portugal, Canadian Music, etc», segundo informan desde o Concello de Cambados.

Amaia chega a Cambados logo de publicar o seu segundo álbum «Cuando no sé quién soy» e logo de converterse nun fenómeno eurovisivo. «Producido xunto con Alizzz, Amaia preséntanos un disco con relucentes novos sons pop, no que por riba de todo destaca a súa brillante e doce voz. A ratos reflexivo, a ratos divertido e enérxico».