Patrocinado por

Cesáreo G. Pardal: «Galicia sempre apostou por unha promoción do turismo sostible»

María Meizoso CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

XOAN CARLOS GIL

ECOVOZ 2022 | Presidente do Clúster de Turismo, asegura que todo o sector ten asumido o seu compromiso co coidado e protección do entorno

28 mar 2022 . Actualizado a las 00:39 h.

O Clúster de Turismo de Galicia leva anos potenciando e promocionando a marca Galicia máis aló das nosas fronteiras. Ao patrimonio, á paisaxe, á cultura ou á gastronomía somouse hai tempo unha nova dimensión. O turismo sostible xa é unha realidade na nosa comunidade, indica Cesáreo González Pardal, presidente da entidade.

—Como resumiría os pasos que veñen dando neste ámbito?

—Nós estivemos elaborando o Plan Director Galicia Destino Seguro conxuntamente coa Xunta e coas tres universidades. Nese documento, que fixemos hai aproximadamente ano e medio, xa trazamos unha folla de ruta para a nosa comunidade co obxectivo de establecer as bases para conseguir que fose un destino sostible desde o punto de vista social, económico e medioambiental. Ademais dun turismo intelixente. No Clúster somos conscientes de que o ser sostible é un factor imprescindible para o futuro do sector turístico. É por iso polo que apostamos de forma permanente por esa dimensión e porque sexa sempre un eixe transversal das accións de promoción, desenvolvemento e implantación de produtos turísticos de calidade, modernos e diferenciados. Dende logo, sempre apostamos por un turismo sostible porque é posible e responsable por parte nosa asumir ese compromiso.

—Cando lle preguntan que opcións hai en Galicia para facer turismo dese xeito, que contesta?

—Nós xa o viñamos facendo antes de que esta palabra de sostible se puxera tan de moda. Galicia sempre apostou por unha promoción dese turismo sostible. Desde as diferentes rutas do Camiño de Santiago e as posibilidades do turismo rural. A partir de aí está o fluvial, o marítimo, o termal ou o gastronómico. E, dende logo, sen perder de vista os nosos parques naturais. Ademais, destacamos por ser unha comunidades que máis praias ten con bandeira azul. Polo tanto, a promoción de Galicia sempre estivo baseada nese turismo sostible.

—E ao sector, custoulle dar ese paso?

—Eu diría que, desde o principio, se amosaron tremendamente concienciados. En Galicia diferenciámonos do resto das comunidades por ter un turismo tranquilo e, despois de saír da pandemia, fomos unha das comunidades que turisticamente medrou máis en relación ás outras rexións. A implantación dese turismo en Galicia como destino seguro, pero sempre baseado no sostible e nesa posta en valor dos recursos que temos aquí en Galicia, foi un éxito. A xente quixo elixirnos e así se demostrou o verán pasado cunhas cifras de ocupación moi elevadas. Todo fai indicar que este ano imos seguir na mesma traxectoria que viñamos tendo cun maior número de visitantes e, dende logo, apostando polo turismo sostible e de calidade.

«Hai que sensibilizar aos visitantes para preservar os nosos recursos»

A folla de ruta está plenamente definida para o Clúster de Turismo de Galicia. Ao igual que se fixo ata o de agora, a aposta polo turismo máis verde, máis sostible e con menos impacto sobre o territorio continuará no futuro.

—Que retos se marcan?

—O que temos que facer no futuro é sensibilizar aos visitantes que veñen a Galicia para preservar os recursos cos que contamos. Xa houbo unha serie de recursos que tiñan unha maior afluencia que outros e tratouse de ordenar o número de visitas. Isto pasou nas illas Cíes e na praia das Catedrais para evitar aglomeracións. Nós seguimos colaborando co sector maiorista, co minorista e coas empresas de receptivo para seguir preservando os recursos tan valiosos que temos en Galicia.

—Están traballando na creación dun club de produtos sostibles. En que punto se atopa?

—Esta iniciativa vainos permitir ter unha certa información para transmitirlle aos turistas sobre a oferta de Galicia como destino seguro, sostible e intelixente. As actuacións que temos previstas son a creación dunha base de datos das empresas que traballan este tipo de ofertas, imos poñer en marcha unha web con todos os produtos e faranse campañas de promoción. Tamén organizaremos viaxes de familiarización e incidiremos no ámbito da dixitalización.