Patrocinado por

«Verbas en Flor» programa en Poio toda clase de actividades culturais durante a primavera

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

VEN A GALICIA

CONCELLO DE POIO

Trátase de eventos «que teñen como eixo principal a historia, a cultura e a lingua galega»

26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Poio organizará, ao longo de toda a primavera, o programa Verbas en Flor, «unha axenda especial que recolle un gran número de actividades e obradoiros que teñen como eixo principal a historia, a cultura e a lingua galega». Deste modo, tal e como explicou a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, as iniciativas «poñen o foco na tradición, na memoria histórica, no coidado polo medio ambiente ou no respecto e promoción da lingua galega».

O groso da programación desenvolverase nos centros educativos, así como no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, no Casal de Ferreirós e na Biblioteca Municipal de Campelo, mais Verbas en Flor «tamén dará cabida ás diferentes actividades e propostas que o tecido asociativo do concello porá en marcha nos vindeiros meses», engadiu a concelleira. Deste xeito, un dos primeiros ciclos de propostas que se desenvolverán son as correspondentes á conmemoración do Día da Árbore, polo que, entre o luns 28 e o mércores 30 de marzo, alumnos de diferentes centros educativos tomarán parte en obradoiros sobre educación ambiental, ofrecidos por O bosque na maleta.

A reivindicación do uso da lingua galega no día a día e no ensino tamén é outra das cuestións nas que se incide, polo que a campaña O que se dá non se quita cobrará especial protagonismo nestes meses. Esta iniciativa impulsada pola Concellería de Normalización Lingüística busca fomentar o uso do galego impulsando charlas e coloquios para axudar á mocidade a detectar e suprimir prexuízos, tal e como apuntou a edil de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, Marga Caldas.

Entre o 4 e o 18 de abril abrirase a exposición Acorda: cartografía visual da memoria de Pontevedra, que se completará coa proxección do documental Acorda, presentado por Montse Fajardo. De igual modo, dúas citas emblemáticas da primavera en Poio, como son a Festa dos Maios e a conmemoración do Día das Letras Galegas —que inclúe a Festa das Letras do 13 ao 18 de maio e o Certame Literario Xaime Illa Couto—, adscríbense á programación de Verbas en Flor, que tamén abarca as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, sesións de contacontos e actividades literarias.