Patrocinado por

O valor arqueolóxico do adro da Catedral para o turismo cultural de Lugo

adolfo de abel vilela LUGO

VEN A GALICIA

Esta semana comezaron as obras de mellora do pavimento do adro, onde se fixeron catas arqueolóxicas
Esta semana comezaron as obras de mellora do pavimento do adro, onde se fixeron catas arqueolóxicas OSCAR CELA

«Busquemos e poñamos en valor o que temos debaixo, paga a pena»

23 ene 2022 . Actualizado a las 19:48 h.

Ninguén dubida de que o deficiente estado no que se atopa o lastrado que conforma o interior do adro da catedral, nalgún momento terá que ser levantado, rehabilitado ou substituído, non só por unha cuestión estética senón tamén pola comodidade das moitas persoas que pasamos por el. De momento parece que o arranxo será parcial, pero compre advertir que unha vez que se precinte, tendo en conta o entusiasmo que algunha administración con competencia no tema patrimonial pon nestas cousas de Lugo, quedará así ata outros 200 anos polo menos, e dicir, por utilizar un termo acaído para o lugar, per saecula saeculorum.

As catas arqueolóxicas que se están a facer no adro grande da catedral, e os estudos con xeorradar, nos Fiesis de Deus medieval e hoxe Pío XII, confirman o que se sospeitaba, que estamos nunha área moi rica que non só pode aportar información das distintas etapas da cidade desde a época romana, senón tamén achados urbanos, de edificios e de obxectos que podían poñerse en valor como se fixo na inmediata Domus e Mitreo.

Por iso non se debería perder a oportunidade de crear un gran conxunto arqueolóxico. Sería un fracaso das administracións e dos lucenses interesados no seu desenvolvemento económico, que deixaran pasar o sol por diante da porta sen aproveitalo. 

O exemplo de Valladolid

No ano 2010, un grupiño viaxamos dúas veces a Valladolid para ver un exposición no Museo Nacional de Escultura, de pintura e de escultura barroca, Lo sagrado hecho Real, organizada polo citado museo en colaboración coa National Gallery de Londres, e a National Gallery of Art de Washington, vamos como as que montamos aquí en Lugo.

O primeiro intento foi en xullo na data na que estaba anunciada a apertura, pero por un problema de axenda da duquesa de Lugo que ía inaugurala, retrasárona uns días e non a puidemos ver, o que conseguimos en setembro.

Despois da visita merquei o catálogo e a rapaza que me atendeu quixo saber si eramos de Madrid e díxenlle que de Lugo. Pregunteille a razón da súa curiosidade e a súa resposta foi: «Es que desde que llega aquí el AVE viene mucha gente de Madrid a pasar el fin de semana».

O «Tren Pato» chegou oficialmente a Valladolid o 22 de decembro de 2007, non sei se será unha casualidade que a Ourense tamén chegara o día 20 do mesmo mes, habería que pensar se en ambos casos o acontecemento foi un agasallo do Goberno ou do Papa Noel aos vallisoletanos e aos ourensáns.

Eu penso, agardo que alguén me desminta con feitos, que carecemos de visión de futuro e de ambición. O mes pasado chegou a chamada alta velocidade a Ourense, Lugo e Ferrol de momento, quedamos marxinados, pero, como a esperanza debe ser o último en perderse, imos crer que algún día teremos un tren decente, que preste un servizo acorde cos tempos que corren que llelo poña doado a posibles visitantes que utilicen este medio de desprazamento para que veñan a coñecer a cidade. 

Aumentar a demanda

Nestes días nos que as autoridades autonómicas, locais e provincias van a Fitur a promocionar cara ao turismo as excelencias do país, non estaría demais facer unhas reflexións realistas sobre a cuestión do turismo na cidade.

Os políticos penso que se equivocarían se cavilasen que afluencia de visitantes que houbo no verán se debeu ao éxito das súas políticas en materia turística. Polo ben de determinados sectores produtivos relacionados co turismo, preferiría ser eu o equivocado.

Aínda que me parece que nalgún momento se fixo un plan para o desenvolvemento do turismo local, nos sei se se aplica ou si se aplicou algunha vez, e en caso afirmativo, se se avaliaron os resultados para saber si se cumpriron os obxectivos marcados.

Esta semana comezaron as obras de mellora do pavimento do adro, onde se fixeron catas arqueolóxicas
Esta semana comezaron as obras de mellora do pavimento do adro, onde se fixeron catas arqueolóxicas OSCAR CELA

O fenómeno da afluencia do verán pasado non foi exclusivo de Lugo, explicase porque despois de estar pechados varios meses, sen gastar un peso, moitos saímos da casa coma o fan os becerros cando os botan da corte por primeira vez. Como o consumo local non é suficiente para que cadre ben o balanzo económico de moitos negocios do recinto histórico, para saír sen perdas necesitan aumentar a demanda e os prezos, e profesionalizar máis o servizo, cuestión esta última que a pesar de ter unha escola de hostalaría non temos doado de solucionar. 

Unha cidade terciaria

Volverei a repetilo unha vez máis, de momento Lugo e unha cidade terciaria, maioritariamente de funcionarios e xubilados, que son o seu motor económico. Temos un potencial arqueolóxico importantísimo sen explotar, o xacemento das inmediacións da Porta Miñá teno a Xunta tapado desde hai máis de doce anos, o mesmo se pode dicir do Cuartel de San Fernando para o Museo da Romanización, Museo Galaico Romano, Arqueolóxico, da Cidade, ou como se lle queira chamar.

As musealizacións que se fixeron na necrópole de San Roque, a Casa dos Mosaicos de Batitales, a Domus do Mitreo, no Balneario a cargo do propietario, e a ventá arqueolóxica da piscina da Praza de Santa María, son exemplos claros de éxito que deberían servir para animar ás institucións a colaborar entre elas, como fixeron nalgún dos casos citados, para continuar este labor da posta en valor do que temos.

Cunha visión materialista do tema, prescindamos da poética que empregamos os partidarios do Patrimonio nas súas varias facetas, algún día teremos tren e rematada a autovía a Santiago. Aumentarán os visitantes, pero si queremos que se queden máis dun día, temos que ofrecerlles cousas para ver.

Apostemos con feitos polo turismo cultural que é o que interesa. Busquemos e poñamos en valor o que temos esquecido, neste caso debaixo do adro da catedral. Pagaría a pena facelo.