Patrocinado por

Bieito Romero: «A realidade do Camiño é tan rica que daría para facer outros cinco discos»

x. m. r.

VEN A GALICIA

Luar na Lubre abre a tempada de concertos do 2022.
Luar na Lubre abre a tempada de concertos do 2022. Antonio Vizcaya

Luar na Lubre abrirá a tempada en Ourense con dous concertos no Teatro Principal para presentar «Vieiras e vieiros, historias de peregrinos», unha escolla de pezas vinculadas ás rutas xacobeas con sons como o dos pasos sobre as follas ou o das campás no Cebreiro

08 ene 2022 . Actualizado a las 09:03 h.

Luar na Lubre abrirá o ano con dous concertos no Teatro Principal de Ourense (días 14 e 15), dúas actuacións para presentar o seu novo traballo, Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, nun 2022 que o líder da formación, Bieito Romero, agarda que sexa o definitivo para normalizar a vida nun escenario poscovid. O novo proxecto está composto por 27 temas e mestura cancións propias con sons que definen a paisaxe e a experiencia do Camiño a Compostela. Un traballo que se completa cunha escolla de pezas vinculadas ás rutas xacobeas que Luar na Lubre foi creando ao longo da súa traxectoria profesional.

­—Tocaba disco xacobeo nesta altura?

—Non é un proxecto creado como traballo xacobeo como tal. Máis que sobre os camiños a Compostela, é unha proposta conceptual que está pensada para pousar a mirada sobre os peregrinos e as súas experiencias. Dos camiñantes portadores das vieiras e dos seus episodios hai moita información. E nesa realidade era onde queríamos incidir, na da xente que percorreu eses trazados. Son catorce historias de peregrinos que chegaron a Compostela, e que seguiron a Fisterra ou Muxía nalgúns casos, e que se foron transmitindo ata os nosos días.

­—Incorporan un cedé con temas vinculados ás rutas xacobeas.

—A música de Luar na Lubre sempre tivo moita influencia da lírica medieval galega e das músicas do Camiño de Santiago porque son un gran legado que chegou ata nós. Eses temas son pezas que forman parte da nosa traxectoria musical.

—Incorporan sons como unha das novidades do traballo. Foi satisfactoria a experiencia?

—Totalmente. No da Ribeira Sacra funcionou moi ben e á xente gustoulle, polo que nos transmitiron, e quixemos darlle continuidade. Gravamos sons no Camiño francés, dende Villafranca del Bierzo ata Fisterra e Muxía, e esas pequenas pezas —de 20 ou 30 segundos como máximo— non só definen os espazos senón que son a banda sonora que nos permite facer o Camiño escoitándoos. O río, os pasos sobre as follas, o son das campás no Cebreiro, un temporal en Triacastela... son sonoridades que calquera peregrino pode escoitar na ruta cara a Compostela.

­—Como se fai a escolla entre o volume que se foi xuntando ao longo da historia?

—A realidade do Camiño é tan rica que daría para facer outros catro ou cinco discos como este. Entre as catorce historias que escollemos figuran temas como Dum Pater familias —que é o canto máis antigo dos peregrinos e que aparece no Códice Calixtino—; Mártiros é o vákner ou a peza que recupera a lenda de Dugium, a cidade anegada. Quixemos escoller temas non tan coñecidos como os que todo o mundo asocia á peregrinación, tipo o Romance de Don Gaiferos de Santalices.

—Como convenceu a Miguel Ríos para cantar o «Benvidos» en galego?

—Coincidimos varias veces nas campañas de promoción e sempre me dixo que lle gustaba a nosa música. Mesmo se ofreceu a colaborar. Chameino e díxenlle que era o momento. Contestou días despois... xusto cando estabamos gravando debaixo da campá da Berenguela.