Patrocinado por

Miguel Queiro: «Deberiamos adaptar o noso produto ao clima que temos, dar alternativas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VEN A GALICIA

.

Propietario e xestor de casas rurais, fundador da entidade Calo Rural (Vimianzo), aposta por completar a experiencia turística co consumo de produtos e servizos locais

28 sep 2021 . Actualizado a las 11:44 h.

Propietario de varias casas rurais, xestor de moitas outras a través da empresa Pedra e Mar e fundador da Asociación Calo Rural, o vimiancés Miguel Queiro é un emprendedor nato. A entidade pola que apostou, e que aglutina a varios negocios como o seu, pretende ofrecer actividades e propostas complementarias a unha zona cun gran atractivo xa por si mesma, segundo ten dito. Queiro, que xestiona de xeito directo ou indirecto unha trintena de establecementos de aloxamento, valora de seguido a ocupación rexistrada este verán, así como os principais retos aos que, ao seu parecer, se enfronta o turismo da Costa da Morte. Considera, así mesmo, que os longos meses de peche perimetral que sufriu Vimianzo son un lastre que aínda a día de hoxe arrastran e do que custará recuperarse.

-Como foi este verán por Calo?

-Diría que normal, nin bo nin malo. Agosto, que xa normalmente é un bo mes de ocupación de casas rurais e aloxamentos turísticos, veu moi forte, pero outros períodos como xuño, xullo ou setembro, non tanto. Non sei se sería pola pandemia, pero a xente concentrouse totalmente no mes de agosto.

-Antes a afluencia era máis escalonada?

-Si, notabas que era máis gradual, mesmo dende finais de xullo. Estou satisfeito coas nosas casas e notamos bastante demanda, pese a que fallou o visitante estranxeiro, que segundo as estatísticas soe supoñer entre o 25 e o 27 % do total de turistas.

-Cantos aloxamentos xestiona?

-Agora mesmo 28: 3 da nosa propiedade e 25 externos. Casas e tamén algún apartamento, aínda que o que primeiro se ocupa son sempre as casas.

-E que servizos lles ofrecen aos propietarios desas vivendas?

-Pois ou ben lle xestionamos as altas administrativas e as reservas dos hóspedes ou lles ofrecemos un servizo integral que inclúe tamén lavandería, limpeza e atención completa. Ata poñemos os nosos propios xogos de toallas e de roupa de cama.

ANGEL MANSO

-Cero preocupacións para o dono do aloxamento.

-É que cando solicitan este servizo é porque teñen outro traballo que atender ou porque non viven aquí, por exemplo.

-Botan man só de persoal propio ou externalizan algún servizo?

-Combinamos empresas privadas co noso propio equipo, para dispoñer de máis flexibilidade en certos labores como a limpeza, por exemplo.

-Levando case unha trintena de aloxamentos sería quen de facer un perfil do visitante máis habitual?

-Pois diría que o nacional, maioritario, é bastante esixente, mentres que o internacional é máis agradecido e afable. O que si é certo é que ambos quedan satisfeitos coa súa visita á zona, canto menos no aspecto paisaxístico.

-Cal diría que é o principal reto para o turismo comarcal de cara a un futuro a medio ou longo prazo?

-Comezaría por adaptar o noso produto ao clima que temos. Cando chove, o turista elixe normalmente visitar Santiago, pero o problema está cando vén toda unha semana de chuvia. Ademais, fáltanos traballar un pouquiño máis os produtos e servizos de proximidade, para ofrecerlle aos hóspedes unha experiencia integral e para axudarlle tamén á economía local. Onde mercar eses ovos caseiros que moitos non viron na súa vida, onde probar ese queixiño feito na casa, onde ver cabalos pacendo no monte... Ou tamén a que salón de peiteado ou de masaxes poden ir que estea pola zona. Son cousas que lle darían un valor engadido ao servizo de aloxamento que nós ofrecemos.

-Cal diría que foi o aspecto no que máis repercutiu a pandemia?

-Sobre todo nesa falla de cliente estranxeiro, pero aquí, en Vimianzo, aínda arrastramos as consecuencias de todos eses meses que estivemos baixo peche perimetral. Tivemos que tirar dos nosos aforros para facer fronte ás inversións que tiñamos feitas. O verán foi bo, pero aínda arrastramos ese lastre e vai custar levantar o voo de novo.

-A ameaza eólica aumentou o interese polos Penedos de Pasarela e Traba?

-Nós sempre lles falamos aos inquilinos sobre esa opción, pero si que é certo que notamos máis afluencia. Toda ameaza que se faga a un entorno natural soe adquirir unhas dimensións reivindicativas que fan que salte aos medios e que se coñeza máis. O que é unha pena é que teñamos que loitar porque non se destrúan paraxes protexidos, que non se tiren edificacións antigas...