#

Estas casas de Ourense son de premio

La Voz OURENSE / LA VOZ

VEN A GALICIA

Vinte proxectos realizados na provincia foron presentados á convocatoria do COAG

12 sep 2021 . Actualizado a las 13:31 h.

Non foron bos tempos para a profesión os dos últimos anos. A crise e a pandemia castigaron a moitos sectores, e afectou de forma destacada á construción e á promoción de vivenda. Con todo, a arquitectura reivindica o seu papel na sociedade e na procura dunha mellor calidade de vida e mantéñense as convocatorias que inciden en pór en valor e salientar as actuacións que merecen ser recoñecidas e espalladas para reivindicar outra forma de facer as cousas e sinalar o camiño dun futuro que estará marcado por espazos máis eficientes e actuacións coa menor pegada posible no territorio.

O escenario de transición motiva que as convocatorias non teñan a periodicidade coa que se desenvolvían antes, mais citas como a do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) son sempre un acontecemento para o sector. O proceso para a concesión dos galardóns da décimo novena edición dos Premios COAG xa está en marcha e logo dunha primeira fase na que se presentaron 197 candidaturas nos diferentes apartados -visadas, executadas e finalizadas entre o 1 de agosto do 2018 e o 30 de setembro do 2020- son 38 os proxectos finalistas.

Na provincia de Ourense desenvolvéronse un total de 20 das 197 actuacións presentadas aos Premios COAG.

Nova planta e restauración

Nas actuacións de nova planta figuraron iniciativas como a creación dunha vivenda unifamiliar na rúa Ponte Pelamios de Ourense, no lugar de Fiestras (Xinzo) e na rúa San Francisco de Ribadavia. A adaptación para o gastrobar Auriga -na cidade- e a creación da Biblioteca Nós figuraban no apartado de «outros edificios de nova planta».

Onde se rexistrou unha maior participación ourensá foi no capítulo de obras de restauración e rehabilitación. A recuperación de varias vivendas en Castromao (San Xoán de Río), a intervención para crear en Rioboo unha adega con área de enoturismo, a creación dun edificio para vivenda pública na rúa Villar da cidade, a restauración dunha casa en Carballeda de Avia, a Casa Pío de Celanova ou os proxectos do Arquivo Histórico de Ourense ou a adaptación dun edificio histórico para clínica dental na rúa San Domingos da cidade foron algúns dos traballos presentados. 

Interiorismo e efémeras

Entre as vinte propostas desenvolvidas na provincia que foron presentadas á convocatoria do COAG figuran dúas propostas no apartado de interiorismo. A primeira delas é a reforma dunha nave para cafetería, tenda de artículos vintage e espazo cultural na rúa ourensá de Manuel Murguía -MUR Marxinal- e a adecuación para unha clínica dental da rúa Xoán de Nóvoa da cidade.

Dúas foron as intervencións na sección de arquitecturas efémeras e deseño: o Pop Up Hotel San Cibrao -no municipio do mesmo nome- e Lille-Ville creado para Allariz.

Espazos urbanos e paisaxismo

No apartado de «Deseño de espazos urbanos, xardíns e paisaxismo entraron no rexistro da convocatoria a intervención para humanizar un depósito de auga e crear un miradoiro en Xacebáns (Quintela de Leirado) e a rede de miradoiros e observatorios do xeodestino de Paradanta, que inclúe Avión.

Tres foron os proxectos que entraron na final. A creación dunha vivenda unifamiliar en Castromao -de Pablo López Prol-, a rehabilitación na rúa Villar -de Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijóo Rey- e a rede de miradoiros do xeodestino Condado Paradanta -de Óscar López Alba-.