Patrocinado por

O rostro máis criminal de Os Castros

Melissa Orozco / R.D A CORUÑA / LA VOZ

VEN A GALICIA

Un roteiro literario explora os escenarios da novela «Os incurábeis» de Antonio Tizón

12 sep 2021 . Actualizado a las 19:38 h.

Unha prostituta aparece asasinada no barrio de Os Castros nunha noite de 2001, o ano no que crebou o mundo tras o 11-S. O inspector Sánchez acomete a investigación sobre un crime que marca o inicio doutros similares que se repiten días despois na mesma barriada coruñesa. Este é o argumento da última novela do escritor e periodista Antonio Tizón.

Trinta persoas percorreron onte os escenarios por onde se moven os protagonistas da historia, nun intento de enganchar a un posíbel lectorado mediante a inmersión, que significa poñerse na pel dos personaxes. Este é o punto de partida deste evento, que a organización denominou Os Castros Criminal, un paseo literario realizado co obxectivo básico de desvelar a xeografía física e humana de todo un microcosmos narrativo, tanto da barriada como da obra que a recrea.

«Eu son de Os Castros, o barrio con máis escritores e xornalistas por metro cadrado do mundo. Un barrio tan peculiar como universal, o barrio de Cañita Brava, Maruxa Calvo, Tito Calviño, de Francisco Vales Villamarín, o fundador da Irmandade da Fala de Betanzos en 1917. Aquí naceron tamén homes ilustres, como Manuel Sánchez, o alumno máis avantaxado de Vales Villamarín, que chegou a ser mordomo de Richard Nixon», contou Tizón ao final do roteiro, unha intervención na que adoptou a identidade de Gustavo Gallego, o seu alter-ego, tanto nesta como nas restantes novelas da serie.

A viaxe comezou no Sanatorio Marítimo de Oza, onde se ubicaría a sala de consulta psiquiátrica da doutora Helena Salcedo, unha personaxe da trama. O escritor tiña un especial interese en falar de enfermidades mentais, unha temática que xa foi tratada nas dúas novelas anteriores da serie, A antesala luminosa e Un home estraño, e sobre a que se volverá nas outras dúas pendentes de publicación: «A miña intención, cando planifiquei a pentaloxía era abordar o tema da doenza mental dende distintas perspectivas e en clave de xénero negro. Un recurso moi útil para introducir a un lectorado sempre reticente a entrar na análise rigorosa desta problemática, a da loucura, coa que é posíbel identificarse se se introduce na trama con naturalidade a partir dos clichés propios do xénero negro: un crime, unha intriga, unha investigación».

Os incurábeis trae as Torres Xemelgas a Os Castros e mergulla aos personaxes despois do 11 de setembro. A novela fala do concepto de guerra preventiva como a posibilidade de predicir con certeza o que acontecerá nunha guerra. O paseo continuou pola praza Sanmartín, a libraría Carballido, o restaurante Cenlle, o bar Minín e culminou cun xantar na Casa Saqués.

«O que me interesa da novela policíaca é que podo retratar con realismo o lado máis escuro dos individuos e da sociedade, unha sociedade caracterizada pola corrupción e a impunidade, unha sociedade enfermiza aquí simbolizada no barrio de Os Castros, cuxa ambientación se presta á perfección para a recreación do xénero negro. De aí o seu nome alternativo de Blacktown, no que se narran todos os terríbeis atentados ambientais que sufriu ao longo da súa historia. As descargas de carbón son un bo exemplo, un barrio, tan local como universal, condenado como tantos outros de tantas outras cidades, á negritude e á luminosidade intermitentes», afirmou.

En cada estación do percorrido, os personaxes da novela eran interpretados por diferentes personalidades. Eugenia Sanmartín, actriz e directora de podcasts, representou á psiquiatra Helena Salcedo. O actor Franki Muíño interpretou o papel do inspector Sánchez. O escritor, profesor e deputado do BNG reflexionou sobre a importancia dos roteiros. Henrique Sanfiz, director de Radio Fene, analizou a relación entre o 11 de setembro e a novela. O roteiro serviu de presentación, tanto da novela como da radionovela, que empezará a emitirse por Radio Fene Radiofusión a partir do día 20 de setembro.