Patrocinado por

O Recuncho de... Alexandre Nerium | Praíña de Corveiro, Ribeira das Canas

alexandre nerium

VEN A GALICIA

BASILIO BELLO

«Aquí trouxo a marea ó noso Santo Cristo de Fisterra, o da barba dourada, que un barco inglés guindou ó océano para ficar connosco eternamente», escribe o poeta e guía do Museo da Pesca de Fisterra

22 ago 2021 . Actualizado a las 20:50 h.

O meu recuncho da infancia foi a praíña de Corveiro, a «Ribeira das Canas», así a nomearon os nosos devanceiros. É unha arnela recóndita, un coído das crebas.

Aquí trouxo a marea ó noso Santo Cristo de Fisterra, o da barba dourada, que un barco inglés guindou ó océano para ficar connosco eternamente.

Aquí, nesta xanela cara ó mar, en 1840, saíran á costa as primeiras latas de conserva, e, ó pouco tempo, quizais un ano, reconverteron as fábricas de salga en conserveiras.

Aquí, os balóns a Corveiro!, se é que o equipo de fútbol de Fisterra ía gañando.

Aquí, nesta pequerrechiña cala, quen non se lembra daquela branquísima cadea humana de solidariedade sacando o galipote dos rochedos? 

Eterno areal de sombra

Aquí, neste eterno areal de sombra e de sosego, ó socairo das axadas do nordeste, a quentura do estío pasabamos, nadabamos até abicar o Faro, até a Pena de Corvos, iamos de resollo coma mascatos e, ás veces, sufriamos a picadura dos escorpións de mar que curabamos o seu veleno coa urina dalgún rapaz e co incandescente ardor dunha cabicha e cando saiamos da auga, conxelados, cubriamos o corpo coa area tan quentiña para sacar o frío.

Aquí, nesta Ribeira das Canas que tanto rememoro veñen purificarse agora os peregrinos.