Patrocinado por

Julio César, nova icona de Lugo

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

VEN A GALICIA

Diego As, ante o seu Julio César
Diego As, ante o seu Julio César ALBERTO LÓPEZ

Ducias de turistas fotográfanse a diario co mural xigante do grafiteiro Diego As Julio César, nova icona de Lugo

08 ago 2021 . Actualizado a las 19:24 h.

A Muralla, a Catedral, e agora o mural de Julio César. En tan só dous meses, a inmensa imaxe a grafite do emperador romano pintada nunha fachada fronte ao Patrimonio da Humanidade converteuse nunha parada obrigatoria para lucenses e visitantes. Cada día, ducias de persoas inmortalízanse fronte á obra de Diego As, ascendida pola vía rápida a instantánea icónica, algo que tamén sorprendeu ao seu autor.

«Non pensaba que ía ter tanta repercusión», confesa o grafiteiro, «sempre hai moita xente véndoo e é moi gratificante. Tiñamos certo medo de que, como é Julio César, se asociaba a unha imaxe imperial a xente o acollera mal, pero pasou todo o contrario». A estampa é moi potente. En plena Ronda, mirando de ti a ti á Muralla, nunha parede de 20 metros de altura, atópase o retrato en branco e negro do emperador, froito de preto de 60 horas de traballo in situ e un bo puñado de tempo de preparación.

«Está dentro do proxecto municipal Urban Cores. Tiñamos tres fachadas pedidas e nós solicitamos facer esta. En canto ensinamos o proxecto dixéronnos que si e Patrimonio tamén nos deu o visto bo», desvela As. O campión nacional de grafite está acostumado a dar vida a proxectos de todo tipo e na maioría da renda solta á súa creatividade. Pero desta volta tocoulle cinguirse e buscar inspiración nalgo real. «Mirando esculturas do imperio romano, vin esta estatua que está no museo do Louvre e pareceume a máis estética e a que mellor encaixaba. Eu, de tanto vela, xa a teño moi queimada na cabeza, pero entendo que á xente, de primeiras, lle impacte».

A pouca marxe creativa que se permitiu desta volta foi engadir o sombreado que acompañan a Julio César. Porque a elección de cores tampouco estivo na súa man. Ao estar a carón dun Patrimonio Mundial, a carta de tonalidades que se poden empregar limítase, e desta volta foi Patrimonio quen apostou pola escala de grises, unha decisión que, á vista do resultado, parece do máis atinado.

Lonxe do que puidera parecer, insuflar vida á nova icona da cidade de Lugo non foi unha tarefa complexa para o seu autor. «Ao levar tantos anos nisto, foi rodado, o único que fai falla é botarlle un pouco de paciencia e días», resume. Ata o de agora, o emperador romano é a imaxe máis grande feita por Diego As, e o feito de traballar en grandes dimensións é algo que lle resultou máis que satisfactorio. «Xa mo din meus pais, é como que esta obra me está marcando. Eu estou orgulloso de que a todo o mundo lle guste e sexa un reclamo máis para a cidade».