Patrocinado por

Espectáculos á beira da ruta xacobea

m. g. iglesias

VEN A GALICIA

O músico Xoán Curiel.
O músico Xoán Curiel. Lucía Cortiñas Lorenzana

A iniciativa «Cultura no Camiño» programa 680 actuacións musicais e de artes escénicas de compañías galegas en 164 concellos este verán

06 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

mago Antón na Praza da Mariña de Burela; a música de Xoán Curiel en Sober, a dos Festicultores Troupe en Monterroso e a de Os d'Abaixo en Cariño; a maga Fani en Tordoia... Estas actuacións na axenda cultural de hoxe espalladas polo territorio teñen un nexo: forman parte de Cultura do Camiño, a iniciativa impulsada desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade que desde o pasado 15 de xullo ata finais de setembro programa preto de 680 espectáculos musicais e de artes escénicas por 164 concellos para facer gozar a veciños, visitantes e peregrinos. Tanto os xéneros como os formatos das actuación son moi variados. Hai teatro, música, maxia, novo circo e danza, para pequenos e para maiores, cun denominador común: todas as propostas nacen en Galicia. Son froito do traballo de 243 formacións artísticas.

A iniciativa da Xunta de Galicia peregrina a máis concellos que nunca nesta novena edición. Cultura no Camiño chega a un 25 % máis de localidades que durante o ano pasado. Representan máis do dobre que no 2019, pero entón só se podían adherir aquelas que se atopaban nalgunha das rutas xacobeas, ampliándose nestes dous últimos veráns a posibilidade ao resto de municipios. Iso si, segue no seu cerne esa ligazón xa que o programa incide na descentralización da oferta cultural con motivo do Xacobeo 21-22 ao estendela por máis da metade dos concellos galegos. Por provincias, onde máis actuacións se desenvolven é na Coruña, cun total de 190 en 43 municipios, seguida por Ourense, con 185 en 46 localidades. En Lugo, corenta concellos acollen 176 funcións, mentres que en Pontevedra hai posibilidades de gozar de 128 distribuídas por 35 municipios, segundo o calendario da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

O circuíto «Cultura no Camiño» caracterízase pola diversidade de xéneros.
O circuíto «Cultura no Camiño» caracterízase pola diversidade de xéneros. CATUXA PRIETO

Ademais de incrementar a oferta, Cultura no Camiño supón un escaparate para a creación artística cultural galega, segundo destacou o conselleiro Román Rodríguez durante a presentación da iniciativa, ao ser 243 as compañías que participan: 147 de artes escénicas e 96 formacións musicais. «Amosa o gran talento e calidade que atesouran os profesionais do noso tecido cultural», afirmou.

Teatro e música, á cabeza

O que máis apostaron os concellos por programar é teatro, con 230 funcións. Séguenlle os concertos, con 205. Os amantes do novo circo teñen oportunidades de gozar, xa que se inclúen 133 actuacións. Tamén son máis dun cento os espectáculos de maxia, en concreto 102. Non faltará a danza, con nove propostas. Entre os espectáculos con maior número de contratacións por parte dos concellos participantes, neste circuíto atópanse a proposta circense de Darío Escudero e Pablo Rodríguez, os espectáculos de ilusionismo do Mago Brandán e o Mago Antón, así como o grupo musical Odaiko. Toda a programación ata o 30 de setembro pode consultarse nas axendas das webs de Cultura de Galicia e da Agadic. As ofertas por xornadas son múltiples e hai onde escoller, xa que entre os participantes se atopan A Banda da Loba, David Perdomo, PistaCatro, SU.MA, Cándido Pazó, Serxio Pazos, Mamá Cabra...

Cultura no Camiño -que volve a contar co patrocinio de Gadis-, ademais de descentralizar a oferta cultural con motivo do Xacobeo ampliando as posibilidades de veciños, turistas e peregrinos de gozar de espectáculos, ten por obxectivo apoiar a contratación das compañías profesionais galegas. Este ano, a Xunta destinou un millón de euros en subvención ás entidades locais que se adheriron a iniciativa, unha dotación coa que se cofinancia a contratacións das formacións, e que pode chegar ata o 80 % do importe.